sábado, 9 de setembro de 2017

Proposta de modificación de estatutos da ANPA a debater na Asemblea Xeral Extraordinaria que se celebrará o vindeiro luns 25 de setembro de 2017 as 19:30 horas en primeira convocatoria e as 20:00 en segunda convocatoria. 

En cor vermella as propostas de modificación.

 

ESTATUTOS

 

DA ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS/AS“AS GAIANDAS” do I.E.S. AUGA DA LAXE DE GONDOMAR.

CAPÍTULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL


Artigo 1. Denominación e natureza.-

Procédese a adaptar os Estatutos da “ASOCIACIÓN DE PAIS E NAIS DE ALUMNOS/AS “AS GAIANDAS” do I.E.S. AUGA DA LAXE DE GONDOMAR”, co nº: 1990/2019-1 no rexistro provincial e CIF: G-36.703.205.

A asociación e unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro, e rexerase polos presentes Estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e de acordo co artigo 22 da Constitución e demais lexislación aplicable.

Artigo 2 Personalidade e capacidade.

A Asociación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.

Artigo 3. Domicilio.-

O domicilio principal e permanente radicará nas instalacións do I.E.S. Auga da Laxe, no lugar de Campo da Feira, s/n, Gondomar, C.P. 36380, teléfono 986 360 501 e correo electrónico anpa.as.gaiandas@gmail.com e aos efectos de comunicación e notificación, sinálase o mesmo domicilio.

Artigo 4. Ámbito de actuación.-

A Asociación constitúese no Centro Docente: I.E.S. Auga da Laxe de Gondomar, polo que o seu ámbito territorial fundamental de actuación será a localidade de Gondomar.

Artigo 5. Duración.-

A duración desta Asociación é por tempo indefinido e soamente se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e no resto do ordenamento xurídico.

Artigo 6. Fins.-

Son os principais fins da asociación:
1.     Promover e defendelo ensino público e gratuíto
2.     Defendelos dereitos dos pais/nais e titores en todo o que atinxa á educación dos seus fillos/as ou pupilos
3.     Participar na elección dos representantes dos pais/nais e titores nos órganos colexiados do centro educativo, e no seu caso, concello, provincia, comunidade autónoma ou calquera outra instancia pública de ámbito territorial mais amplo, promovendo candidatos, velando pola pureza do proceso electoral e colaborando na correcta realización das eleccións.
4.     Participar nos órganos do I.E.S, concello, provincia, comunidade autónoma ou administración central do estado, nos que estea establecido ou se requira a presenza da asociación
5.     Colaborar no labor educativo do I.E.S. e dun xeito especial, nas actividades complementarias extra escolares.
6.     Orientar e estimular aos pais/nais e titores respecto das súas obrigas con relación a educación dos seus fillos ou pupilos.
7.     Colaborar na elaboración, desenvolvemento ou modificación do regulamento de réxime interior e estatutos do centro.
8.     Promovela participación da comunidade escolar no control e na xestión do centro, sostido con fondos públicos, de conformidade co disposto no artigo 27.7 da Constitución Española.
9.     Fomentala relación de cooperación do I.E.S. con outros Centros Educativos, cos sectores sociais e culturais do entorno.
10. Promovela efectiva igualdade de dereitos de tódolos seus alumnos/as, sen discriminación por razóns socioeconómicas, ideolóxicas, confesionais, de raza, sexo, etc.
11. Requirir dos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e plans de actuación relativos á educación, esixindo a atención e axuda que esta merece.
12. Contribuír ao funcionamento dos diversos servizos do I.E.S.
13. Participar na problemática educativa local e galega,prestando especial atención ás cuestións lingüísticas e culturais de Galicia
14. Calquera outras que, dentro da normativa vixente lle asignen os seus respectivos estatutos.

Para levar a cabo os seus fins, a Asociación poderá organizar as seguintes actividades:

1.     Promover e levar a cabo actividades deportivas, formativas, culturais, etc.
2.     Promover, organizar charlas, así como programas de educación familiar para proporcionar aos pais/nais e titores coñecementos e orientacións relacionadas coa súa función educadora.
3.     Para mellor cumprimento dos seus fins, a Asociación poderá integrarse en calquera federación comarcal, provincial ou autonómica, que a Asemblea Xeral da asociación decida.

Como Asociación sen ánimo de lucro destinarase aos devanditos fins polo menos o setenta por cento das rendas netas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto, exceptuándose as achegas efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os asociados e familiares serán os principais destinatarios das actividades realizadas pola asociación.

CAPÍTULO II

DAS PERSOAS ASOCIADAS

Artigo 7. Requisitos.-


1.     Para adquirir a condición de persoa asociada requírese ser pai, nai, titor ou titora de alumnos ou alumnas que cursen os seus estudos no centro docente e ter interese no desenvolvemento dos fins da asociación.
2.     As persoas físicas deben ser maiores de idade ou menores emancipados con capacidade de obrar e non estar suxeitas a inhabilitación ou condición legal para o exercicio do dereito.
3.     O menores de mais de 14 anos non emancipados necesitan o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade.

Artigo 8. Clases de persoas asociadas

Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de asociados ou asociadas:

1.          Fundadoras, aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
2.          De número, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
3.          De honra, aquelas persoas que, polos seus méritos persoais ou profesionais ou por ter contribuído de xeito relevante ao desenvolvemento da asociación, sexan nomeados pola Asemblea Xeral.

Artigo 9. Dereitos

As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:

1.     Participar nas Asembleas con voz e voto.
2.     Ser electoras e elixibles para os cargos dos órganos de goberno.
3.     Participar nas actividades da Asociación e gozar de todas as vantaxes e beneficios, que a asociación poida ter.
4.     Impugnar os acordos dos órganos da Asociación que estime contrarios á lei ou ós estatutos.
5.     Acceder á documentación da Asociación a través dos órganos de representación e a ter copia destes estatutos
6.     Recibir información da composición dos órganos de goberno e representación da Asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
7.     Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
8.     Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva, para mellorar o cumprimento dos fins da asociación.
9.     Os/as asociados/as poderán facer delegación de voto a través dun escrito dirixido á Xunta Directiva, indicando explicitamente: nome e DNI do representante no que efectúa a súa delegación de voto. O representante, no seu caso, deberá acreditar a súa identidade presentando o DNI ou similar; e soamente poderá recibir unha delegación de voto.

Non poderán exercer o dereito de sufraxio activo e pasivo as persoas asociadas que non estean ao día no pagamento das cotas sociais.

Artigo 10. Obrigas

Son obrigas das persoas asociadas:

1.     Prestar cantos servizos determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.
2.     Desempeñar as obrigas inherentes aos cargos para os que foron elixidos.
3.      Asistir ás Asembleas e demais actos organizados pola Asociación.
4.     Satisfacelas cotas que de conformidade cos Estatutos se establezan.
5.     Ter unha boa conduta individual e cívica.
6.     Acatar e cumprilo contido dos presentes Estatutos e dos acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da Asociación.

Artigo 11 Facultades dos socios/as honorarios/as

Os/as asociados/as honorarios/as, non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero están facultados para asistir as Asembleas Xerais, con voz pero sen voto.

Artigo 12 Admisión de asociados

Os acordos de admisión de asociados/as tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito da persoa que desexa ser admitida, e previo pago a cota correspondente.

Artigo 13. Perda da condición de persoa asociada.-

A condición de asociado ou asociada pérdese:

1.      Por vontade propia, que se fará efectiva mediante presentación de renuncia, por escrito ante a Xunta Directiva e dirixida a Secretaría da Asociación. A renuncia terá efectos desde a data da súa presentación.
2.      Por baixa dos fillos/as ou tutelados como alumnos/as do centro educativo.
3.      Por falta inxustificada do pagamento da cota, que será efectiva desde a notificación do acordo adoptado pola Xunta Directiva ao interesado.A persoa que perdese a súa condición de asociada polo suposto sinalado neste apartado, poderá ser rehabilitada na súa condición de asociada, se no prazo de seis meses desde a notificación, abonase as cotas pendentes de pago.
4.      Por incumprimento dos presentes Estatutos ou dos acordos validamente adoptados polos órganos da asociación, así como pola realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da Asociación, previo expediente disciplinario, con audiencia do interesado.

Artigo 14 Acordo de expulsión

A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados 3 e 4 do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Cando a baixa se produza por vontade dun/dunha asociado/a, este/a deberá realizar unha petición escrita e procederá ao aboamento previo de tódalas cotas que teña pendentes

Artigo 15 Separación temporal

Os asociados/as poderán pedir a separación temporal por escrito

A Xunta Directiva poderá acordala separación temporal dun asociado cando se estea tramitando un expediente de sanción, ou concorran causas xustificadas que o aconsellen, tales como o retraso no pago dalgunha cota, ou comportamentos que afecten a boa marcha dos fins da asociación. O expediente de sanción recollerase no Regulamento de réxime interno, pero en todo caso a resolución poderase recorrer perante a xurisdición ordinaria.

CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 16. Organización da asociación.-

Os órganos de goberno e representación da Asociación son a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, que adoptarán os seus acordos de conformidade co principio maioritario ou de democracia interna.

Artigo 17 Representante legal

O presidente da asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.

O presidente será designado pola asemblea xeral entres os socios que teñan polo menos un ano de antigüidade e o seu mandato durará dous anos.

Artigo 18. A Xunta Directiva: Composición

A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral.

Estará formada por: Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e de un mínimo de 3 Vogais, designados pola Asemblea Xeral entre as persoas asociadas maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís que non estean incursas en motivos de incompatibilidade legalmente establecidos e que leven polo menos un ano na asociación.

Artigo 19 Elección e renovación dos cargos

Os cargos da xunta directiva serán elixidos pola asemblea xeral e a duración do seu mandato será de dous anos, podendo ser obxecto de sucesivas reeleccións.

Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.

Os cargos da xunta directiva renovaranse por metade. Na primeira quenda serán renovados o/a vicepresidente/a, o/a tesoureiro/a e a metade dos  vogais e ao ano seguinte, o/a presidente/a, o/a secretario/a e os outros vogais. O primeiro mandato dos cargos da segunda quenda durará un ano mais.

O persoal de secretaría, se o houbese, será nomeado pola Xunta Directiva, que acordará ademais a súa retribución.

Os cargos da Xunta Directiva cesarán na súa función por:
1.     Morte ou declaración de falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
2.     Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico.
3.     Resolución xudicial.
4.     Perda da condición de persoa asociada.
5.     Incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas.
6.     Renuncia voluntaria
7.     Transcorrido o período do seu mandato.

A renuncia voluntaria e o transcurso do prazo non dan lugar ao cese automático, senón que deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do sucesor/a ou ben esperar ata que a Xunta directiva nomee temporalmente a un substituto se se trata de renuncia voluntaria.

De producirse vacantes na Xunta Directiva, estas serán desempeñadas provisoriamente polos restantes membros, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.

Artigo 20. Facultades da Xunta Directiva

A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

1.     Programar e dirixir as actividades asociativas
2.     Levar a xestión administrativa e económica da Asociación.
3.     Executar os acordos da Asemblea.
4.     Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
5.     Convocar e fixar as datas das Asembleas.
6.     Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas asociadas.
7.     Designalas comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación.
8.     Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
9.     Resolver as solicitudes de ingreso de asociados/as.
10. Propoñer o plan de actividades da Asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
11. Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.

Artigo 21. Reunións e acordos

A Xunta Directiva será convocada polo/a Presidente/a ou Vicepresidente/a, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida polo/a Presidente/a, e na súa ausencia, polo/a Vicepresidente/a ou Secretario/a, por esta orde e, a fata de ambos, polo membro da xunta de mais idade.

Para estar validamente constituída deberán estar presentes, a metade máis un dos seus membros e, en todo caso, o/a Presidente/a e o/a Secretario/a ou as persoas que os substitúan.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes. Os empates serán dirimidos mediante voto de calidade do/a Presidente/a.

O/a secretaria ou no seu defecto, o vicepresidente levantará acta das sesións que se transcribirá ao libro de actas.

Artigo 22 Comisións

Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de recabar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte ademais de ditas comisións, o número de vogais que acorde a Xunta Directiva a proposta dos seus respectivos presidentes
Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións s desdobren en subcomisións.

Artigo 23 Asemblea Xeral.-

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e está integrada por todas as persoas asociadas.

O/A Presidente/a e o/a Secretario/a da Asemblea, serán os mesmos que os da Xunta Directiva.

Artigo 24. Tipo de asembleas

As reunións da Asemblea Xeral poden ser ordinarias ou extraordinarias.

As reunións ordinarias celebraranse como mínimo, dúas veces ao ano,  unha no primeiro trimestre do curso, para a aprobación das contas, presuposto anual e programa xeral de actuación social; e a segunda, ao longo do curso.

As reunións extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou cando o soliciten por escrito o 10% das persoas asociadas.

Neste último caso, solicitarase por medio de escrito dirixido ao/á Presidente/a, autorizado coas firmas dos solicitantes e no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 25. Notificación

As convocatorias, tanto da Asemblea Xeral Ordinaria como da Extraordinaria, realizaranse por escrito sinalando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a publicación ou notificación da convocatoria e a data da celebración da Asemblea en primeira convocatoria, debe mediar, como mínimo, un prazo de quince días naturais.

A documentación e información sobre as materias incluídas na orde do día, estará a disposición das persoas asociadas na secretaría da Asociación ou non medios informáticos ao su dispor, cunha antelación mínima de quince días naturais á celebración da Asemblea.

Artigo 26. Facultades da Asemblea Xeral ordinaria.-

Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:

1.     Aprobala acta da reunión anterior.
2.     Elixir e cesar as persoas integrantes da Xunta Directiva.
3.     Aprobalo plan de actividades.
4.     Examinar e aprobala memoria de actividades
5.     Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
6.     Aprobalos orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.
7.     Examinar e aprobar as cotas das persoas asociadas, a proposta da Xunta Directiva.
8.     Aprobar a incorporación ou separación a unha federación.
9.     Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
10. Aprobalo regulamento de réxime interno da asociación.

Artigo 27. Facultades da Asemblea Xeral extraordinaria.-

Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:

1.     Modificalos estatutos da asociación, incluído o cambio de domicilio.
2.     Autorizalo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
3.     Acordala disolución da asociación
4.     Designar as persoas liquidadoras.
5.     Ratificala expulsión de asociados/as, a proposta da Xunta Directiva
6.     Acordar a transformación ou fusión da asociación.
7.     As que sendo competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria.
8.     Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.

Artigo 28. Constitución e quórum de convocatoria.-

As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituídas sempre que concorran un terzo das persoas asociadas presentes ou representadas, na primeira convocatoria ou, transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes con dereito a voto. En todo caso, terán que estar presentes as persoas que ostentan a presidencia e a secretaría ou as persoas que as substitúan.

Artigo 29. Adopción de acordos.-

Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos nulos, en branco nin as abstencións.

Será necesaria a maioría de 2/3 dos votos emitidos para a aprobación dos apartados 1 ao 6 do artigo 27
.
Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores, obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.

Os acordos levaranse ao libro de actas e asinará o/a Presidente/a e o/a secretaria/o da asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión que se celebre pola asemblea e aprobada por maioría.

Artigo 30 Funcionamento da asemblea

As sesión abriranse cando así o determine o Presidente. Seguidamente se procederá por parte do secretario á lectura da(s) acta da(s) asemblea(s) anterior que deberá(n) ser aprobada(s).

Posteriormente o secretario expoñerá a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta directiva que lle corresponda, procedéndose a aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia que se trate.

Unha vez rematados tódolos asuntos da orde do día procederase, se a presidencia o considera oportuno ou o solicita un dez por cento dos asociados inscritos no libro de membros a facer unha quenda de rogos e preguntas e adopción de acordos e ao concluír levantarase a sesión por parte do presidente.

Artigo 31. Recusación de acordos.

Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral.

Artigo 32 Obrigas documentais

A asociación disporá dos seguintes documentos, que estarán a disposición de tódalas persoas asociadas

1.     Unha relación actualizada de asociados e asociadas
2.     Documentación contable que permitan obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como das actividades realizadas. Tal contabilidade levarase de conformidade coa normativa específica que resulte de aplicación.
3.     Inventario dos seus bens
4.     Libro de actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación

Artigo 33. Presidente/a

O presidente da Xunta Directiva terá, ademais das facultades consignadas ,no artigo 17 as seguintes atribucións:

1.     Representar legalmente á Asociación perante calquera organismo público ou privado.
2.     Presidir e levantalas sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixilas deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade en caso de empate.
3.     Propoñelo plan de actividades da asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
4.     Ordenar os pagamentos acordados validamente.
5.     Asinar as actas,certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto coa persoa que ostenta a secretaría ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 34 Vicepresidente/a

A persoa que ostente a vicepresidencia realizará as funcións da presidencia nos casos de ausencia ou enfermidade, podendo tamén actuar en representación da asociación nos supostos en que así se acorde pola Xunta Directiva ou pola Asemblea Xeral.

Artigo 35. Secretario/a

A persoa que ostenta a secretaría terá as seguintes atribucións:

1.     Tramitar as solicitudes de ingreso na Asociación e formalizar as inscricións de altas e baixas das persoas asociadas.
2.     Dirixir as actividades sociais e a administración da Asociación.
3.     Formalizar as convocatorias de reunión por orde da presidencia e redactar as actas correspondentes.
4.     Expedir certificacións dos acordos co visto e prace do Presidente/a, así como emitir informes.
5.     Redactar o inventario de bens da Asociación.
6.     Custodia do arquivo de libros e documentos da Asociación.
7.     Cumprir coas demais obrigas documentais nos termos que legalmente corresponda.

A persoa que ostenta a secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituída por outro membro da Xunta Directiva designado pola persoa que ostenta a presidencia.

Artigo 34. Tesoureiro/a

A persoa que ostenta a tesourería terá as seguintes atribucións:

1.     Recadar e custodiar os fondos pertencentes á Asociación, custodialos e investilos na forma acordada pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral
2.     Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobros e pagos co visto e conforme da presidencia.
3.     Dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida a persoa que ostenta a presidencia.
4.     Elaboración do anteproxecto de orzamentos para a súa aprobación.
5.     Levar os libros de contabilidade da Asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola Asemblea.
6.     Calquera outras funcións propias de tesourería como a responsabilidade da xestión económico financeira da Asociación.

O/a Tesoureiro/a ten a obriga de procedera ao peche do exercicio orzamentario, nos quince días anteriores á celebración da primeira Asemblea ordinaria.

Artigo 35 Vogais

Os demais membros da Xunta Directiva, terán as obrigas propias do seu cargo, e aqueloutras que lles sexan encomendadas, tales como realizar programas e estudos con carácter xeral ou en áreas de actuación determinadas.

CAPÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 36 Patrimonio social

A Asociación no momento de inicialas súas actividades dispón dun patrimonio de 120 euros. O peche do exercicio económico coincidirá con fin do curso académico.

Artigo 37. Recursos económicos

A Asociación manterase dos seguintes recursos:

1.     As cotas periódicas das persoas asociadas.
2.     As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.
3.     As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4.     Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
5.     Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 38 Cotas ordinarias

As cotas ordinarias acórdanse pola Asemblea Xeral ordinaria a proposta da xunta directiva, non sendo reintegrables en caso algún e se dedicarán a atendelas necesidades da Asociación

Artigo 39. Contas anuais

Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico, elaboraranse as contas anuais, expresivas da situación patrimonial e contable da Asociación, así como unha memoria das actividades realizadas. Esta documentación estará a disposición das persoas asociadas, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a súa aprobación en Asemblea.

A Xunta directiva levará os correspondentes libros de contabilidade, que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da asociación.

Artigo 40  Destino de ingresos a fins da Asociación

Como entidade sen ánimo de lucro, os beneficios obtidos derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos fins da Asociación.

Artigo 41 Recoñecemento de sinaturas nas entidades bancarias.

Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, terán recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente o/a Presidente/a, o/a Secretario/a e o/ Tesoureiro/a, para a utilización conxunta de dúas delas.

Artigo 42 Prohibición de distribución de recursos

Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociadas/as os recursos obtidos pola Asociación

CAPÍTULO V

DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 43. Regulamento de réxime interno

O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatuto, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos.
En todo caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI

MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS. DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 44. Modificación dos Estatutos

Os presentes Estatutos, poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou do ¼ dos socios. A convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 7 días, para que calquera socio/a poida dirixir á secretaría as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.

Artigo 45 Aprobación dos estatutos

Para ser aprobada a reforma dos estatutos, será necesario o voto favorable dos 2/3 dos membros da Asemblea Xeral extraordinaria de socios.

Artigo 46. Disolución

A Asociación disolverase polas seguintes causas:

1.     Pola vontade dos asociados/as acordada polas 2/3 partes dos mesmos en Asemblea Xeral Extraordinaria.
2.     Polas causas que se determinan no art. 39 do Código Civil.
3.     Por sentenza xudicial firme.
4.     Polas causas que se determinen nos presentes Estatutos.

Artigo 47. Liquidación

Acordada a disolución da Asociación, ábrese o período de liquidación, ata o fin do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.

Os membros da Xunta Directiva no momento da disolución convértense en liquidadores, salvo designación expresa de liquidadores pola Asemblea Xeral ou por autoridade competente.

Corresponde aos liquidadores:

1.     Velar pola integridade do patrimonio da Asociación.
2.     Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación
3.     Cobrar os créditos da Asociación.
4.     Liquidar o patrimonio e pagar os acredores.
5.     Solicitar a baixa da Asociación e cancelación de asentos rexistrais.
6.     A solicitude de inscrición da disolución da Asociación no rexistro acompañarase do xustificante acreditativo do destino dos bens resultantes da liquidación.

Artigo 48 Destino dos bens resultantes da liquidación

O haber resultante da liquidación , doarase a outra Asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins que esta Asociación

DISPOSICIÓN ADICIONAL

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos se aplicará a Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais disposicións
complementarias.

Dilixencia para facer constar que os presentes estatutos quedan redactados conforme as modificacións aprobadas na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada en data ----------------------- e coas maiorías previstas nos estatutos da asociación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario